Enderezo
Pza. Aviador Piñeiro 1 Sanxenxo
GPS
42.400259520127, -8.8074056668605
José Piñeiro González naceu en Ferrol no 1878, pero viviu en Sanxenxo. Nas festas da Peregrina de 1911 viu por primeira vez o voo dunha aeronave. As acrobacias sorprendérono tanto que non dubidou en vender os seus negocios e ir á localidade francesa de Pau para aprender a pilotar.
Abondáronlle dezaoito días para abraiar o director e regresou a Sanxenxo. A súa chegada foi apoteósica e tras saltar a noticia á prensa galega, Sanxenxo converteuse no centro de atracción dos curiosos dos seus voos sobre a praia de Baltar.
Fixo famoso internacionalmente o “voo da gaivota”, que consistía en tocar coas ás a superficie do mar. A súa última exhibición foi no 1921 en Ribadavia, durante a cal sufriu un accidente. A súa familia conseguiu convencelo para que deixase de pilotar e posteriormente foi elixido alcalde de Sanxenxo. Poucos anos despois, polos estudos do seu fillo, trasladouse a Santiago onde morreu no ano 1927.